Os coches híbridos ábrense paso na flota de vehículos da Policía Local

Pontevedra
14 de marzo 2025

O custe do novo vehículo da Policía Local foi de algo menos de 49.000 euros e xa se está traballando, cos mesmos pregos e condicións, na incorporación de dous coches deste tipo a maiores

Primeiro coche híbrido da Policía Local de Pontevedra Concello de Pontevedra

O primeiro coche hídrido da Policía Local de Pontevedra xa percorre as rúas da cidade. Este vehículo estará destinado, principalmente, a tarefas de mobilidade e tráfico.

O Concello recepcionou este venres o novo coche patrulla, que está equipado cunha ponte de última xeración e que ten a posibilidade de amosar mensaxes lumínicas no seu teito durante os distintos operativos nos que participe.

"Xa tiñamos anunciado que a nosa intención era poder ir renovando o parque móbil da Policía Local e e así o estamos facendo", explicou a concelleira responsable da área municipal de seguridade e protección cidadá, Eva Vilaverde.

A edil engadiu que o goberno municipal optou por adquirir un coche hídrido porque "como é sabido os coches de combustión poden dar problemas co tempo ao circular a velocidades baixas ou moi baixas polo común".

Co sistema eléctrico que ten este vehículo "resolvemos esa eiva", sentenciou Vilaverde.

Primeiro coche híbrido da Policía Local de PontevedraConcello de Pontevedra

A responsable municipal, que estivo acompañada polo xefe da Policía Local, José Manuel Abal, destacou que esta nova incorporación a flota municipal "permitirá traballar mellor e dun xeito máis eficiente" aos axentes municipais.

O custe do vehículo foi de algo menos de 49.000 euros e xa se está traballando, cos mesmos pregos e condicións, na incorporación de dous coches deste tipo a maiores.

Na actualidade a Policía Local conta con 13 vehículos de catro rodas rotulados e 4 sen rotular. Ademais, tamén hai 18 motocicletas.

"Queremos seguir mellorando e substituíndo eses elementos que van quedando máis obsoletos", explicou a concelleira.