Coincidindo co Día Mundial da Sepsia, que se celebra este 13 de setembro, a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés intensificou os seus esforzos para concienciar sobre unha enfermidade que constitúe o proceso clínico coa mortalidade hospitalaria máis alta da actualidade.
A sepsia ou sepse é unha afección grave que se produce cando o sistema inmunitario responde de xeito extremo a unha infección lesionando os propios tecidos e órganos e presenta unha incidencia preocupante na área sanitaria pontevedresa.
Os cálculos estiman entre 3 e 10 casos diarios susceptibles de recibir asistencia protocolizada do "Código Sepse".
As cifras de mortalidade desta enfermidade resultan especialmente preocupantes: é trece veces maior que os accidentes de tráfico, sete veces superior aos ictus e tres veces máis elevada que os infartos agudos de miocardio.
No ámbito europeo, cada episodio de sepsia grave destina un investimento económico no sistema sanitario comunitario de arredor dos 18.000 euros.
A incidencia da sepse aumenta arredor dun 2% cada ano debido a diversos factores, entre eles o envellecemento da poboación, o aumento da esperanza de vida dos pacientes pluripatolóxicos, o incremento de pacientes inmunodeprimidos e a aplicación cada vez máis frecuente de tratamentos quimioterápicos e cirurxías agresivas.
SÍNTOMAS
A sintomatoloxía común inclúe febre, frecuencia cardíaca elevada, respiración rápida, confusión e dor corporal.
O risco de presentar Sepsia é maior nas persoas de idade, as moi novas e as embarazadas. Aínda que a causa adoita ser unha infección bacteriana, tamén pode deberse a virus, parasitos ou fungos.
A Dirección da Área comprometeuse a implementar un sistema informático que permita a detección e alerta precoz desde a entrada en Urxencias de calquera paciente susceptible de presentar sepsia.
Este sistema iniciará un proceso de atención transversal e eficiente de todos os servizos implicados.
Os profesionais da saúde consideran crucial a formación específica con protocolos que amplíen a difusión e o coñecemento deste problema, ademais de continuar na búsqueda de métodos diagnósticos máis eficaces e rápidos, e profundar en tratamentos máis específicos contra a Sepsia.
O tratamento actual require un proceso con antimicrobianos, aportación de líquidos por vía intravenosa e un seguimento atento, sendo fundamental a atención multidisciplinar e integral que considere esta síndrome como un proceso transversal clínico.