Comerciantes da Rúa Real recollen sinaturas para reclamar a apertura peonil da ponte do Burgo

Pontevedra
26 de agosto 2019

Indican que o peche establecido desde o 8 de xullo cambiou as rutinas de paso das persoas que aparcan na outra beira do río e, desta forma, xa non se achegan pola Zona Monumental xerando unha "gran perda" nos establecementos da Rúa Real e da súa contorna

Obras na ponte do Burgo
Obras na ponte do Burgo / Cristina Saiz

Decidiron pasar á acción cunha campaña de recollida de sinaturas para reclamar do Concello unha solución para que o tráfico peonil poida acceder por esa ponte á cidade mentres levan a cabo as obras da ponte do Burgo. Os comerciantes da Rúa Real e da contorna iniciaron este luns esa campaña coa que tentan presionar ao goberno local para que busque unha solución #ante a "gran perda" económica que, sinalan, están a sufrir.

O 8 de xullo pechábase o paso de peóns pola ponte do Burgo e, segundo denuncian, esta decisión que está previsto que dure ata outubro provocou o cambio de rutinas nas persoas que estacionan os seus vehículos nos aparcadoiros situados no outro lado do río. Iso provoca que esas persoas utilicen outras pontes e rúas alternativas, evitando pasar polo centro histórico.

Desde o Centro Comercial Zona Monumental xa se solicitou ao Concello que estudase a posibilidade de compatibilzar esas obras de reforma co acceso peonil. Os comerciantes afectados sinalan que ven reducidos os seus ingresos porque diminuiu a presenza de veciños da parroquia do Burgo e das persoas que empregan os aparcamentos na contorna de Pasarón.