Comeza a obra do novo acceso a Monte Porreiro

Pontevedra
09 de xuño 2020

Este vial supón a conexión do barrio de Monte Porreiro coa malla urbana de Pontevedra cun custo de 1,4 millóns de euros. O Concello non ocultou a súa satisfacción por este proxecto co que "estamos facendo crecer a cidade"

Zona da que partirá o novo acceso a Monte Porreiro Mónica Patxot

O concelleiro Demetrio Gómez compareceu este martes en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos na que se fixo un seguimento das reformas que están programadas ou en marcha.

Demetrio Gómez informou que a reforma da ponte do Burgo avanza "a bo ritmo" e está previsto que a final desta semana que instalen os leds. Tamén comunicou que este mércores iníciase o pavimentado da rúa Doutor Fleming, no barrio da Seca. A empresa Edigrup Global executará a actuación no firme deste vial de 140 metros por un custo de 15.420 euros.

A principal novidade achegada na comisión por Demetrio Gómez foi o inicio das obras do novo "núcleo de centralidade" da parroquia de Mourente seguindo o exemplo do "modelo Pontevedra".

"O obxectivo é dotar á parroquia dun espazo público de altísima calidade construtiva onde os veciños poidan compartir a súa vida", dixo Gómez Xunqueira.

Este proxecto inclúe o futuro acceso aos Campos cuxas obras acaban de comezar. Trátase dunha estrada que partirá dos terreos de Tafisa, contará con 12 lombos, beirarrúas amplas e dous carrís de circulación para cada sentido, ademais de todas as medidas necesarias para favorecer a mobilidade peonil e reforzar a seguridade viaria.

Este vial supón a conexión do barrio de Monte Porreiro coa malla urbana de Pontevedra cun custo de 1,4 millóns de euros, repartidos entre 439.393 euros para expropiacións e 1.002.512 para a obra civil.

Pero o proxecto do "núcleo de centralidade" da parroquia de Mourente tamén suma o acondicionamento do local social que se habilitará na antiga escola infantil dos Campos, cun orzamento de 471.248 euros.

Será un espazo de uso veciñal, cunha sala de usos múltiples e sala de exposicións, e tamén acollerá a sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Leader Pontevedra-Morrazo cuxas obras contan cun orzamento de 373.964 euros.

O concelleiro de obras calcula que "a mediados de 2021 todo isto debería estar rematado".

O edil nacionalista non ocultou a súa satisfacción por este proxecto co que "estamos facendo crecer a cidade".

O custo global de toda esta reforma ascende a 2.287.000 euros. "Á parte de Loureiro Crespo non hai urbanizacións na cidade de Pontevedra que cheguen a este nivel de investimento", destacou o concelleiro.