Convertidos en taboleiros de anuncios, os artísticos quioscos que xestionaba Cogami deixaron de ter uso hai nove anos e empezaron entón a contribuír ao feísmo na cidade.
Esta semana comezou a retirada destas instalacións, que por agora están a ser depositadas nunha parcela fronte á nave do Concello na parroquia de Campañó que serve de base ás brigadas municipais.
A iniciativa enmárcase no plan de mellora e acondicionamento do espazo público posto en marcha este mandato polo goberno local e que xa retirou da Boa Vila as vellas cabinas telefónicas, os valos publicitarios e agora estas casetas.
Foi noutro mes de outubro pero do ano 2014 cando a Rede Galega de Quioscospresentaba un concurso voluntario de acredores e un expediente de regulación de emprego extintivo para 16 empregados na provincia, 11 deles traballaban nos establecementos de venda de prensa que tiñan activos na cidade en Pontevedra.
Alegaron como motivo para o peche os máis de 700.000 euros de perdas que acumulara nos anteriores catro anos. Aquel ERE afectou os traballadores dos quioscos adxudicados á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) de Rosalía de Castro, Avenida de Vigo, Praza de Galicia e a praia fluvial.
Coa retirada das abandonadas estruturas péchase o último capítulo daquela historia.