Esta semana comezaron os traballos de execución do contrato de subministro de luminarias LED en diversos puntos do Concello de Bueu, que se levan a cabo no marco do IDAE I, unha subvención xestionada pola Deputación de Pontevedra cos concellos.
Con esta actuación substituiranse máis de 200 luminarias nos lugares de Cabalo, A Ramorta e Carrasqueira.
Segundo apunta o alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, Félix Juncal, "vaise mellorar o servizo de iluminación e reducir o número incidencias durante a tempada de outono-inverno", pois nos anos anteriores o departamento de electricidade tivo que facer fronte a moitas avarías nesas zonas, sobre todo debidas á potencia e consumo que soportaban os cadros de luz, con moitos puntos conectados.
Estas luminarias de tipo LED permitirán, así mesmo, reducir o consumo de enerxía eléctrica e seguir implementando políticas respectuosas co medio ambiente. Por iso, o Concello está pendente de que a Deputación aprobe o IDAE II, no que se inseriu un segundo proxecto polo que se van renovar máis de 400 puntos de luz en catro zonas: Montemogos (Beluso); Pousada (Cela); rúa Pazos Fontenla xunto a Matilde Bares, Johán Carballeira, Rosalía de Castro, Jesús López Cortizo, Rúa do Santán e Rúa Xosé María Estévez; e Banda do Río, con actuación en Alexandre Bóveda e Francisco Escáneo.