Este luns 13 de outubro, a Xunta inicia unha campaña de vacinación infantil fronte á gripe que, por primeira vez, incluirá a todos os nenos de entre 6 meses e 11 anos —é dicir, nados a partir do 1 de xaneiro de 2014—, o que supón unha cobertura potencial dunhas 215.000 persoas en toda a comunidade.
Pero a gran novidade deste ano vén cun proxecto piloto inédito no país como é a vacinación intranasal en centros educativos. Esta modalidade, que busca ser menos invasiva e máis cómoda para os máis pequenos, porase en marcha en 55 colexios repartidos polas catro provincias galegas, alcanzando a uns 19.000 alumnos de entre 3 e 11 anos.
A vacina será administrada directamente nos centros escolares seleccionados, sen necesidade de que as familias soliciten cita previa nos centros de saúde. Iso si, deberán entregar previamente o consentimento informado asinado. Os equipos de enfermaría, procedentes das áreas sanitarias, encargaranse da inmunización e recompilarán a información médica necesaria antes de administrar a vacina.
Esta iniciativa conxunta das Consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e FP busca alcanzar unha cobertura do 70 % entre os nenos nados entre 2014 e 2022, e servirá como termómetro para avaliar unha posible extensión do programa a todos os colexios en futuras campañas.
A estratexia está deseñada para ser representativa de distintas contornas: urbano, semiurbano e rural. No caso da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, os centros seleccionados son: CPR Sonrisas y Lágrimas (A Illa de Arousa), CEIP San Tomé (Cambados), CEIP A Xunqueira II e EEI Concepción Crespo Rivas (Pontevedra), e CEIP Plurilingüe Arealonga e CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa).
O propósito desta campaña non é só protexer aos menores das complicacións da gripe, senón tamén reducir a súa propagación nas familias e a comunidade en xeral. A vacinación intranasal, ao ser máis aceptada entre os pequenos, preséntase como unha vía eficaz para alcanzar este obxectivo sen o medo habitual á "picada".
Coincidindo co inicio da campaña infantil, este luns tamén se inicia a vacinación a persoas inmobilizadas —de calquera idade—, así como aos seus coidadores principais. A partir do 20 de outubro, será a quenda das persoas maiores de 70 anos, que recibirán a súa cita para vacinarse no seu centro de atención primaria. Ademais, abrirase a campaña para persoal sanitario e persoas con inmunodepresión.