Comezan as obras de reforma do Pavillón de Vilalonga para que estea listo a mediados de outubro

Sanxenxo
21 de setembro 2015

Segundo informa o goberno local de Sanxenxo, a actuación, cunha inversión de 128.000 euros, acabará coas goteiras e filtracións na instalación deportiva

Reforma do pavillón de Vilalonga Concello de Sanxenxo

Xa se están a executar as obras de reparación no pavillón de Vilalonga (Sanxenxo) coa intención de que se cumpran os prazos de execución previstos no prego de condicións e estean finalizadas a mediados de outubro.

A concelleira de Educación, Sandra Fernández Agraso, comprobou na mañá deste luns 21 o avance dos traballos á vez que constatou que os traballos no interior finalizarán durante o próximo mes para que os alumnos do Instituto de Ensino Secundario poidan recuperar a actividade lectiva nestas instalacións deportivas.

A reforma débese a que o lucernario existente sobre a pista está totalmente deteriorado, o que provocaba ata agora filtracións de auga. Por este motivo, durante os últimos invernos tíñanse que instalar cubos para recoller a auga procedente da cuberta mentres os diferentes colectivos deportivos utilizaban as instalacións.

A actuación conta cun investimento superior aos 128.000 euros, financiados a través do Plan de Obras e Servizos que promove a Deputación Provincial. Está previsto tamén o arranxo das instalacións eléctricas, alicatados, dinteles e verteaguas das ventás en mal estado, ademais da deterioración da pintura da estrutura e a reparación das portas interiores e do acceso. Con estes traballos, desde o goberno local de Sanxenxo, espérase que se resolva de maneira definitiva o problema das humidades e filtracións que condicionaban o uso do pavillón.