Comezan as obras do novo abastecemento de Marcón

Pontevedra
22 de outubro 2019

Cun investimento de 4,3 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses, dará servizo a 448 vivendas. Neste proxecto quedan excluídos os lugares de Pintos e A Peralba ao atoparse en cotas máis altas que o depósito de Castrosenín

Traballadores da empresa Viaqua Mónica Patxot

A portavoz de goberno local, Anabel Gulías, informou este luns do inicio das obras da ampliación da rede de abastecemento na parroquia de Marcón. É un proxecto que, segundo lembrou, ten un investimento de 4.337.627 euros e un prazo de execución de 24 meses.

Este abastecemento atenderá a 448 vivendas dos lugares de Vilafranca, Pazos, A Ermida, Marcón, Ría de Arriba, A Barcia, A Cardosa, Ría de Abaixo, Freixeiro, A Raxeira e Moldes.

Neste proxecto quedan excluídos os lugares de Pintos e A Peralba ao atoparse en cotas máis altas que o depósito de Castrosenín.

Anabel Gulías tamén explicou que ao longo de toda a obra está previsto asfaltar todo o ancho do viais municipais e que nos viais de dobre sentido con diferenciación de carril, arcén ou aparcadoiro, se levará a cabo o fresado e asfaltado da zona afectada correspondente.

Ademais, nas zonas nas que a obra se execute fóra do vial reporase con terra vexetal onde sexa preciso, e nos cruzamentos ou zonas de afección que teñan formigón, procederase á súa reposición.

Por último, todas as canalizacións irán soterradas en zanxas recheas con material de préstamo ou procedente da propia excavación.