Comezan as obras para reformar por completo a Rúa do Gorgullón

Pontevedra
04 de outubro 2018

"Vai ter circulación aínda que vai ser de preferencia peonil", sinalou o alcalde este xoves tras visitar o inicio dos traballos, que contan cun prazo de execución de 8 meses. Lores cre que tras mellorar a entrada dos peregrinos á cidade "a seguinte obra no Camiño ten que ser A Santiña"

Inicio das obras na Rúa do Gorgullón PontevedraViva

A empresa EC Casas, adxudicataria das obras, iniciou este xoves 4 de outubro a reforma integral da Rúa do Gorgullón, empezando desde o cruzamento coa rúa Eduardo Pondal.

Trátase dunha actuación que cambiará por completo esta vía de entrada do Camiño Portugués á cidade, xa que "vai ter circulación aínda que vai ser de preferencia peonil", explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tras visitar o inicio dos traballos.

A empresa contará con 8 meses para completar a reforma, adxudicada por valor de 1,3 millóns de euros cunha baixa do 20% e varias melloras e que conta con financiamento europeo. "Por eso se retrasou o inicio, non ten nada que ver coas eleccións", sinalou Lores.

A actuación no Gorgullón é "unha obra necesaria", reiterou o alcalde, xa que se trata da vía por "onde entran 80.000 peregrinos" ao ano e atopábase "fóra do modelo de calidade da cidade".

"Vai a completar o Camiño Portugués a Santiago por toda a cidade, xa que vai ter continuidade coa obra de Virxe do Camiño que está moi avanzada e coa da Ponte do Burgo que están neste momento analizándose as ofertas para adxudicala", declarou o rexedor da capital.

A SANTIÑA, PRÓXIMO OBXECTIVO NO CAMIÑO PORTUGUÉS

Canalizadas as diferentes reformas que afectan o tramo urbano polo que pasa o Camiño de Santiago, Miguel Anxo Fernández Lores fixou cal será o próximo obxectivo de actuación respecto diso na cidade.

"Creo que a seguinte obra no Camiño ten que ser A Santiña xa", reiterou, ao que se suma "a que ten que facer a Xunta na zona de Alba e tamén no nudo do Marco que teríamos que mellorar un pouco", explicou ante os medios de comunicación.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora