Veciños do Gorgullón pedirán ao concelleiro Demetrio Gómez detalles sobre a reforma da praza fronte a Vialia

Pontevedra
06 de xuño 2019

Na noite deste mércores, un grupo de ao redor de 15 veciños con directivos da asociación Eduardo Pondal mantiñan unha conversa para analizar a obra que se está acometendo nesta contorna. Algúns deles amosaron o seu rexeitamento co novo deseño desta praza e reclaman un espazo de lecer axeitado

Obras na praza do Gorgullón, fronte a Vialia
Obras na praza do Gorgullón, fronte a Vialia / PontevedraViva

No serán deste mércores, un grupo de veciños da contorna dos edificios 70 e 72 da rúa do Gorgullón mantiñan un encontro con directivos da asociación veciñal Eduardo Pondal para debater sobre o proxecto que se está executando na praza situada fronte a Vialia, entre a rúa Eduardo Pondal e O Gorgullón, que no futuro está previsto que se una á praza da Estación.

Algúns dos asistentes mostraban o seu malestar polo novo deseño que se ofrece a este espazo. Entre outros puntos amosan o seu rexeitamento ao muro que se levantou nesta praza ou ás escaleiras que se contemplan nesta obra para acceder á rúa do Gorgullón. Entenden que este espazo debe ser de lecer e ofrecer unha fórmula que se adecúe a toda a contorna.

Segundo explicaba Luís Carballo, vogal da asociación de veciños, varios asistentes tamén querían coñecer que árbores van colocarse neste espazo, ademais de reclamar a instalación de contedores de lixo ao final da rúa, a mellora das beirarrúas da Rúa da Auga e mesmo a montaxe de aparellos para realizar actividade física nesta contorna.

Os representantes da asociación sinalan que, meses atrás, antes da execución do proxecto que se está acometendo realizáronse tres reunións na sede do colectivo para estudar calquera mellora que se puidese achegar. Luís Carballo indicou que el ou a nova presidenta da asociación, Begoña Mallo, que tamén asistiu ao encontro poñeranse en contacto nos vindeiros días con Demetrio Gómez, concelleiro responsable de Obras, para que realice unha visita á zona e manteña unha reunión cos afectados para explicar o proxecto con máis detalle e recoller as peticións veciñais.