Comezan os cribados preventivos de Covid-19 a profesorado e temporeiros da vendima

Pontevedra
25 de agosto 2020

Este mércores 26 van iniciarse as probas serolóxicas de dobre banda ao redor de 4.000 profesionais da educación e a preto de 350 traballadores da vendima da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Sonia Fernández-Arruti, directora asistencial da área sanitaria, recoñece que existe preocupación porque a idade media dos pacientes positivos está aumentando

Hospital Montecelo Cristina Saiz

Este mércores 26 de agosto iniciaranse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés as probas para cribar de maneira preventiva a persoas que poidan estar afectadas pola Covid-19. Realizaranse test rápidos de anticorpos de dobre banda ao persoal docente dos centros educativos dos 26 municipios que pertencen a esta zona sanitaria. Tamén se realizarán estas mesmas probas a persoas que traballarán como temporeiras na vendima nas Rías Baixas.

En total, está previsto que se leve a cabo a proba a 4.000 docentes e a preto de 350 temporeiros coa intención de determinar posibles infeccións de coronavirus, antes do inicio do curso escolar e da vendima no mes de setembro.

Desde a Administración Sanitaria Pública Galega lembran que se trata dunha acción preventiva totalmente voluntaria e que se executará de maneira diaria en quendas de tarde durante este mes de agosto e de mañá e de tarde a partir de setembro, nos puntos de extracción de analíticas nos hospitais de Montecelo, Provincial e do Salnés.

Cada centro educativo e cada adega dispoñerá dun coordinador que, en colaboración coa área sanitaria, será o encargado de coordinar os sistemas de traballo interno para iniciar este mércores as probas rápidas  serológicos.

Sonia Fernández- Arruti, directora asistencial da área sanitaria, afirma que as probas consisten nunha picada nun dedo que cunha pinga de sangue permite coñecer en ao redor de 10 minutos se existe unha infección aguda ou se xa se superou a enfermidade. No caso de que se produza un caso positivo illaríase ao paciente e procederíase a completar a proba cun test cuantitativo ou cunha PCR, segundo os casos.

PREOCUPACIÓN POLO INCREMENTO DE POSITIVOS

Segundo Fernández- Arruti o incremento de casos positivos que se está rexistrando durante os últimos días era "algo previsible". Explica que nas festividades do 15 e do 16 de agosto son habituais as comidas familiares e, como este ano choveu, as familias mantivéronse reunidas en espazos pechados provocando unha maior posibilidade de  contagios.

En todo caso, a directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, recoñece que existe preocupación polo aumento de casos, sobre todo porque a idade media dos pacientes positivos está a aumentar. "Cada vez máis se detecta entre xente maior", apunta a responsable sanitaria.

Por este motivo quere concienciar á poboación para que se minimicen as situacións de risco a través do uso de máscara, distancias de seguridade, evitar aglomeracións principalmente en locais pechados e  recordo a importancia de lavarse as mans con frecuencia.

SITUACIÓN DO PERSOAL EN CORENTENA DO HOSPITAL MONTECELO

Segundo Sonia Fernández- Arruti, dos 51 profesionais sanitarios que se atopaban en corentena, só quedan 11 nesta situación despois de ter contacto co paciente ingresado con Covid-19, que finalmente falecía nas instalacións hospitalarias. 

En canto ás tres persoas do equipo sanitario que en Urxencias mantiveran contacto co usuario, tampouco se rexistrou ningún positivo. En todos estes casos, a xerencia espera que se poidan incorporar á actividade en breve.