Comezan os traballos de adecentamento de Lago de Castiñeiras sen o apoio das administracións públicas

Vilaboa
03 de novembro 2015

Dende a Fundación sinalan que a pesar do compromiso adquirido polas distintas administracións, o financiamento destes traballos correrá a cargo das propias comunidades de montes, xa que despois de varios meses de espera ningunha administración pública está prestando colaboración

Árbores caídas no Lago de Castiñeiras Fundación Lago de Castiñeiras

As comunidades de montes que integran a Fundación Lago Castiñeiras- Cotorredondo (San Martiño e Santa Cristina de Vilaboa e San Xián e Santomé de Piñeiro de Marín) comezaron os traballos de preparación do terreos para a creación do arboreto de 59 hectáreas situado no entorno do parque forestal de Castiñeiras – Cotorredondo e que rodeará o futuro xardín botánico de 15 hectáreas que a fundación quere implantar neste enclave.

Estes traballos consisten na roza das parcelas, clareos para diminuir a densidade do arborado, o apeo de exemplares en mal estado sanitario, para a posterior plantación de especies propias das distintas colecións. Tamén se farán traballos de erradicación de acacia negra, unha especie invasora que se está estendendo por todo o entorno.

Dende a fundación sinalan que a pesar do compromiso adquirido polas distintas administracións, o financiamento destes traballos correrá a cargo das propias comunidades de montes, xa que despois de varios meses de espera ningunha administración pública está prestando colaboración, aínda que no caso dos concellos de Marín e Vilaboa e da Deputación de Pontevedra resolveron mediante acordos plenarios apoiar e colaborar coa fundación.

A fundación resalta que as comunidades de montes non renovarán os convenios de cesión dos terreos que tiñan coa Consellería de Medio Ambiente e Medio Rural, polo que pasarán a xestionar as instalación que actualmente utiliza a Xunta de Galicia como centro de recuperación da fauna, aulas da natureza, a torre de vixilancia de incendios e demais instalacións construídas, entre elas o parque biolóxico, unhas instalacións que custaron máis de 300.000 euros e que nunca se chegaron a utilizar e actualmente están convertidas nunha "silveira".

O motivo que alegan as comunidades de montes para non renovar as cesións dos terreos é que a xestión da administración foi "nefasta, despilfarradora e que levou ao entorno á situación actual de abandono". Os convenios deste tipo obrigan a administración a deixar os terreos e as instalación nun estado óptimo polo que lle esixirán, mesmo xudicialmente, "o arranxo de todos aqueles elementos do parque que a desidia da administración provocou a súa ruína".

No que respecta ás relacións coa Deputación de Pontevedra e os Concellos de Vilaboa e Marín, que mediante acordos plenarios acordaron apoiar, colaborar e integrarse na fundación, o padroado xestor quere manifestar a súa indignación xa que non se dan avances na súa integración e mesmo seguen sen conseguir reunirse co novo goberno da deputación (PSOE-BNG) tres meses despois da súa constitución.

Hai que destacar que a Deputación acordou integrarse na fundación tras unha moción presentada polo grupo socialista e apoiada polo BNG, que antes de acceder ao goberno provincial non encontraban inconvenientes en reunirse cos membros do padroado xestor dun día para o outro. Agora, denuncian que levan meses intentando reunirse con eles sen éxito.

Algo parecido acontece cos concellos de Marín e Vilaboa, que levan meses excusándose en supostos informes xurídicos que lles impedirían poder integrarse na fundación, aínda que a día de hoxe evitan confirmar si se integrarán ou non.

A pesar do abandono por parte dos políticos de todos os partidos (PP, BNG e PSOE) do proxecto de recuperación do entorno de Castiñeiras – Cotorredondo que nun principio asumiron e apoiaron (nalgúns casos cando eran oposición) desde o padroado xestor, afirman que os propios comuneiros levarán a cabo o proxecto e que buscarán o financiamento na empresa privada e mesmo no crowdfunding, xa que este é un proxecto de grande interese social e seguirán denunciando a omisión de cumprimento das súas competencias por parte da administración, tal e como recolle a propia lei de montes. Tamén denuncia as trabas burocráticas da propia administración para constituír legalmente a fundación xa que levan meses agardando que que se lle autorice o nome, e aproben os estatutos, trámites necesario para formalizar a súa constitución.