Comisións Obreiras culpa ao "afán privatizador" de Telmo Martín da ausencia de socorristas en Sanxenxo

Sanxenxo
17 de xuño 2021

Segundo sinala este sindicato, a día de hoxe, das case cen persoas que integran o servizo de socorrismo, ningunha está incorporada ao posto de traballo. "O único que lle salva os mobles ao alcalde é o mal tempo destes días", apuntan

Posto de vixilancia dos socorristas
Posto de vixilancia dos socorristas / PontevedraViva

Comisións Obreiras bótalle a culpa da ausencia de socorristas en Sanxenxo ao "afán privatizador" do alcalde Telmo Martín e pola "mala xestión" do seu equipo de goberno. 

Segundo sinala este sindicato, a día de hoxe, das case cen persoas que integran o servizo de socorrismo, ningunha está incorporada ao posto de traballo. "O único que lle salva os mobles ao alcalde é o mal tempo destes días", apuntan.

Ata agora, o servizo de socorrismo prestábase a través da empresa pública Turismo de Sanxenxo. Porén, "o Concello tomou a mala decisión de privatizalo". Inicialmente, gañou o concurso unha empresa, "pero a que obtivo a segunda mellor puntuación presentou un recurso e acabouse facendo coa licitación".

Non obstante, segundo Comisións Obreiras, a "falta de axilidade" e de "capacidade de resolución" por parte do Concello "están deixando ao persoal tirado, porque non se acaba de formalizar o contrato". 

O pasado 15 de xuño era a data na que se debían incorporar aos seus postos parte dos traballadores, pero non o puideron facer de momento. O resto deberían incorporarse o vindeiro 1 de xullo.

Comisións Obreiras urxe o Concello de Sanxenxo a que chame aos traballadores a que se incorporen ao seu posto de traballo.