Comisións Obreiras denunciou ante a Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, a situación que se vive na Cidade Infantil Príncipe Felipe a raíz do "peloteo" entre a Xunta e a Deputación polas competencias.
O delegado sindical de Comisións Obreiras na Deputación, José Ramón Piñeiro explicou que a Xunta de Galicia "deixou de ingresar a menores" despois das queixas reiteradas dos traballadores polo "perfil inadecuado dos nenos que eran remitidos ultimamente", ao convivir menores baixo control xudicial co resto de nenos o que xeraba "graves problemas de seguridade" para os demais menores internos e para o propio persoal do centro.
Por outra banda, Piñeiro trasladou á Valedora do Pobo a existencia dun "número importante de vacantes" nos diferentes espazos da Cidade Infantil Príncipe Felipe, unha institución que mantén cinco centros residenciais para menores na provincia de Pontevedra, e que está "desocupado ou mal utilizado".
Así culpan á Deputación de "dificultar moito a matrícula" no Centro de Día no que se atende a menores en situación de desamparo.
"Estamos despilfarrando e malgastando unha cantidade moi importantes de cartos"
Segundo Comisións Obreiras esta actitude significa que "estamos despilfarrando e malgastando unha cantidade moi importante de cartos". O mantemento deste complexo, supón á Deputación 12,3 millóns de euros ao ano.
Por este motivo comprometéronse en trasladar á Valedora do Pobo un completo informe no que argumenten algunhas das súas propostas como a creación dun Centro de residencia semanal nas vivendas de funcionarios que quedaron baleiras, tamén a ampliación do horario dos centros para atender aos menores os fins de semana e durante as vacacións.
Ademais propoñen que se cre unha escola para pais nas instalacións e que se poña en marcha unha Unidade de vida independente, que reforce a autonomía dos adolescentes internos para que, unha vez que deixen o centro, póidanse valer por se mesmos.