"Preocupados" porque as súas denuncias non teñen ningún efecto, o sindicato Comisións Obreiras decidiu ser proactivo e propoñer unha solución para os problemas xerados na Cidade infantil Príncipe Felipe por parte de menores conflitivos que foron desviados ao centro a través do convenio que a Xunta de Galicia ten coa Deputación provincial.
O secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Ramón Piñeiro, explicou que estes menores, que "destrúen a convivencia" do resto da comunidade educativa sendo "imposible facer nada para reinsertarlos", poderían ser acollidos no edificio que estaba destinado a residencia de alumnos maiores. Actualmente esta instalación só úsase cando hai competicións deportivas.
Piñeiro sinalou que "o problema é que a Xunta non ten este tipo de centros" polo que opta por repartir a estes "nenos problemáticos" polos centros de menores en protección de toda Galicia co trastorno que isto supón.
Comisións Obreiras reprochou á presidenta da Deputación, Carmela Silva, que permaneza "escondida" ante as peticións de entrevista que lle cursaron por este tema e comparou esa actitude coa "receptividade" coa que foron acollidas as súas propostas por parte da Fiscalía e do delegado territorial da Xunta que se comprometeu a "trasladar o asunto á Consellería".
RESPOSTA DE MOSQUERA
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, agradeceu esta proposta de Comisións Obreiras aínda que advertiu que "non parece que teña moita solvencia" xa que ao seu xuízo, "hai condicións técnicas que se lles escapan".
Mosquera lembrou que este é un "problema serio" que a Deputación vén "soportando" desde hai "máis de dez anos" e no que "a Xunta está a abusar claramente da boa fe da Deputación para colaborar" acollendo a menores que tiñan que mandar "ao Avelino Montero" por cuestións de seguridade.
"Se tivésemos a mesma displicencia que a Xunta non se acollerían", sinalou o vicepresidente provincial que lamentou que o executivo autonómico non atenda esta queixa reiterada desde a Deputación.