Comprar en galego ten premio en Caldas

Umia
07 de xuño 2022

Comerciantes, Concello e Deputación lanzan unha dobre campaña consistente na repartición de boletos premiados con vales de 50 e 75 euros para compradores e na ambientación da Rúa Real con chapeus de cores

Presentación da campaña de dinamización do comercio local e do uso do galego en Caldas Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis presentou este martes a Campaña de Dinamización da Lingua Galega “Eu merco en galego”, subvencionada pola Deputación de Pontevedra e coa colaboración da Asociación Caldas Centro Comercial Aberto.

A campaña ten dúas accións complementarias. A primeira. titulada “Falo e gaño co galego”, desenvolverase entre o 10 e o 30 de xuño e está dirixida ao pequeno comercio e empresas de servizos de Caldas co obxectivo de concienciar, dinamizar e premiar tanto a consumidores como aos propios empresarios no uso do galego nas transaccións diarias de compra e venda.

Os comercios amosarán nos escaparates o cartel identificativo da campaña e entregarán boletos co nome da campaña “fala e gaña” cando se realice unha compra ou servizo de máis do importe mínimo marcado polo establecemento, en base ao tipo de artigo e os prezos que manexe, e que a lingua utilizada sexa o galego. Nestes boletos distribuiranse un total de 22 premios de 75 e de 50 euros. As persoas gañadoras terán que gastar durante o mes de xullo o importe íntegro en calquera dos establecementos participantes na campaña.

A segunda acción, baixo o nome de “Sacamos o chapeu ao galego”, consistirá nunha intervención artística na rúa Real coa instalación de 200 liñas cun total de 1.400 chapeus de diferentes cores pendurados en transversal ao longo de toda a rúa, formando unha imaxe espectacular que animará o comercio e aos peregrinos no seu percorrido polo Camiño de Santiago en Caldas. A instalación quedará exposta todo o verán, dende que empeza a campaña o 10 de xuño. Complementarase esta acción repartindo 200 chapeus serigrafados co lema da campaña e cos logos do Concello e da Deputación de Pontevedra.