O Concello pide responsabilidade no consumo de auga ante o descenso do caudal do Lérez

Pontevedra
09 de xullo 2026
Actualizado: 16:17

O alcalde de Pontevedra expresou a súa preocupación polo descenso do caudal e alertou do aumento do consumo nalgúns municipios abastecidos por Pontevedra

Río Lérez Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra activou unha serie de recomendacións para o uso responsable da auga ante a situación de prealerta declarada na conca do río Lérez.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, expresou a súa preocupación polo descenso do caudal e reclamou prudencia á cidadanía, ás empresas e aos concellos abastecidos desde a rede.

Entre as medidas difundidas polo goberno local figuran a limitación de usos non esenciais como o enchido de piscinas particulares, a rega de xardíns ou a limpeza de vehículos, ademais da redución do consumo municipal en baldeos, fontes ornamentais e outras actuacións prescindibles.

O Concello tamén anima á poboación a adoptar hábitos de aforro doméstico e pide a industrias e empresas que minimicen o seu consumo de forma razoable.

Lores incidiu especialmente no aumento do consumo durante o primeiro semestre do ano nalgúns municipios abastecidos por Pontevedra como Bueu, que rexistrou un incremento do 280%, Sanxenxo do 100%, Marín do 33% e Poio do 41%, datos que o goberno local considera preocupantes.

O rexedor tamén pediu que se valore o consumo industrial, especialmente o de Ence, ao considerar que a planta capta unha gran parte do caudal do río.

O Concello insiste en que, aínda que o consumo propio de Pontevedra mantense en niveis similares aos de anos anteriores e as perdas da rede son moi reducidas, o aumento da demanda noutros municipios e a falta de previsión de choivas intensas obrigan a extremar a vixilancia.

Lores lembrou ademais que a reserva do Pontillón non é ilimitada e que, co consumo actual, a situación pode alargarse só un tempo limitado.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora