Concentración do persoal de limpeza do Hospital do Salnés reclamando equiparación salarial

O Salnés
12 de novembro 2025

No hospital situado en Vilagarcía, levan dous días de folga parcial esixindo condicións iguais ás do persoal propio do Sergas

Protesta do persoal de limpeza no Hospital do Salnés
Protesta do persoal de limpeza no Hospital do Salnés / CIG-Servizos

O persoal dos servizos de limpeza do Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa, está a desenvolver unha loita conxunta xunto a traballadores dos hospitais do Barbanza (Ribeira) e Virxe da Xunqueira (Cee).

É para demandar a equiparación das súas condicións salariais e laborais coas do persoal dos hospitais de referencia da área sanitaria.

As traballadoras e traballadores de Vilagarcía levan dous días realizando paros de dúas horas por quenda nas xornadas de folga, que teñen un seguimento total a pesar dos servizos mínimos considerados abusivos, desde a CIG-Servizos.

No Salnés, celebrouse tamén este mércores unha concentración diante do hospital, á que se sumaron representantes doutros departamentos como o persoal sanitario, de mantemento e de cociña, para amosar a súa solidariedade.

A folga parcial e as protestas repetiranse nos días 18, 19, 25 e 26 de novembro, e continuarán en decembro os días 3, 9, 10, 16, 17, 22, 23, 29 e 30. 

Concentración do persoal de limpeza no Hospital do Salnés
Concentración do persoal de limpeza no Hospital do SalnésCIG-Servizos

O colectivo denuncia que, ao estar externalizados os servizos de limpeza, o persoal réxese polo convenio provincial, o que implica condicións máis precarias respecto ao salario, permisos, descansos ou xornada laboral, con respecto ao persoal propio do Sergas.

A CIG-Servizos lembra que este desequilibrio xa foi solucionado nos hospitais de Burela e O Barco, pero segue sen resolverse nos centros do Salnés, Barbanza e Cee.

A central sindical critica a falta de resposta por parte da Consellería de Sanidade, tras meses de solicitudes de diálogo, e mantén a permanencia das protestas do persoal ata poñer fin á discriminación que denuncian.