O persoal do servizo de limpeza do Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa, concentrarase este martes 17 de xuño ás 12:00 horas diante das instalacións do centro sanitario para reclamar a fin da discriminación salarial e laboral que sofren respecto a outros traballadores da mesma área sanitaria.
Segundo denuncia a CIG, sindicato convocante da mobilización, as traballadoras e traballadores deste servizo no Hospital do Salnés están sometidos a condicións laborais inferiores ás que teñen outros compañeiros que realizan as mesmas funcións noutros centros sanitarios da zona, unha situación que o sindicato cualifica de "discriminatoria e inxusta".
Entre as principais demandas do colectivo figuran a equiparación salarial, a redución da xornada laboral e melloras en materia de permisos e licenzas, reivindicacións que levan tempo reclamando sen obter resposta satisfactoria por parte da administración sanitaria.
A CIG presentou o 19 de maio na dirección do SERGAS as sinaturas recollidas entre o persoal de limpeza do Hospital do Salnés, así como dos centros de Cee e Barbanza, que se atopan nunha situación similar. Ademais, o sindicato solicitou unha reunión coa Consellaría de Sanidade para abordar esta problemática, pero segundo afirman, "aínda non obtivemos resposta".
Con esta concentración, que forma parte dunha xornada de protestas que tamén inclúe mobilizacións no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee e no Hospital do Barbanza en Ribeira, a CIG pretende presionar ao SERGAS para que "sente a negociar, remate con esta discriminación e non permita que as empresas concesionarias do servizo perpetúen a precariedade".
CONCENTRACIÓN NO QUIRÓNSALUD DE PONTEVEDRA
Tamén este martes 17 está prevista unha concentración na entrada de urxencias do Hospital QuirónSalu en Pontevedra por parte de traballadoras do Servizo de Cociña deste Hospital.
A protesta intégrase no marco da segunda xornada de folga convocada neste servizo, segundo informa o sindicato Comisones Obreras. O persoal reclama melloras na xestión do servizo.
Coas mesmas reivindicacions, tamén se van sumar traballadores do Hospital Quirónsalud da Coruña.
