Condenado un home ao que sorprenderon vendendo coca na Rúa da Ponte

Pontevedra
09 de febreiro 2023

En virtude do acordo alcanzado polas partes foi innecesaria a celebración do xuízo, polo que este procesado foi condenado por un delito contra a saúde pública a pena dun ano e seis meses de prisión e multa de 24 euros

Policía Nacional Mónica Patxot

A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou en conformidade unha persoa que foi sorprendida pola Policía Nacional durante a compravenda dunha papelina de cocaína.

En virtude do acordo alcanzado polas partes foi innecesaria a celebración do xuízo, polo que este procesado foi condenado por un delito contra a saúde pública á pena dun ano e seis meses de prisión e multa de 24 euros cunha responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento dun día de privación de liberdade, comiso da substancia e diñeiro intervidos e pago das custas procesuais. 

Polo Ministerio fiscal informouse favorablemente á concesión do beneficio da suspensión da execución da pena privativa de liberdade polo prazo de dous anos condicionado a que durante este prazo non delinca e baixo apercibimento de que, en caso contrario poderíase revogar o beneficio concedido e acordar o cumprimento efectivo da pena privativa de liberdade imposta.

Os feitos tiveron lugar na Rúa Ponte, de Pontevedra, o acusado estaba a vender a unha muller unha papelina de 0,464 gramos de cocaína cando foron interceptados pola Policía Nacional. A cocaína intervida tiña unha riqueza do 76,4 %, cun valor no mercado ilícito de 47,50 euros.

Esta sentenza é firme e non cabe recurso algún contra ela.