Coñeces algún candidato para o premio Cidade de Pontevedra?

Pontevedra
04 de decembro 2014

Este venres 5 de decembro o Concello de Pontevedra abre o prazo para a presentación de candidaturas nas categorías de persoas físicas e xurídicas. O prazo de entrega de propostas rematará o día 5 de xaneiro

Entrega dos premios Cidade de Pontevedra 2013 Mónica Patxot

Coñeces algún candidato para o premio Cidade de Pontevedra? Se tes unha resposta para esta pregunta, estás no momento de intentar para facelo realidade. Este venres 5 de decembro o Concello de Pontevedra abre o prazo para a presentación da candidaturas nas cateogrías de persoas físicas e xurídicas.

O prazo de entrega de propostas rematará o día 5 de xaneiro. Segundo as bases do galardón, os candidatos poden ser propostos por calquera asociación, institución, entidade ou colectivo do municipio. Só terá que acudir ao Rexistro do Concello e presentar unha candidatura incluíndo todos os datos posibles do candidato ou candidatos propostos.

As propostas deberán adxuntar unha memoria xustificativa que saliente a traxectoria persoal e profesional de cada un dos candidatos propostos e ademais a presentación da candidatura debe darse a coñecer ás persoas ou institucións ás que se vai propoñer. 

Os premios Cidade de Pontevedra teñen como finalidade galardoar o relevante labor desenvolto na modalidade individual por unha persoa física e, na modalidade colectiva, por persoas xurídicas (asociacións, entidades ou colectivos de caracter cultural, social xuvenil, empresarial, etc..). O xurado terá en conta e valorará especialmente o labor desenvolto no ano que corresponda.

Os premios serán entregados na sesión extraordinaria de honras que, para tal efecto, ten lugar tradicionalmente o día 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián.