Confían en que o 'novo mercado' sirva para "darlle un pulo" ao centro histórico

Pontevedra
08 de novembro 2018

A primeira planta do mercado de abastos, que o Concello está a rehabilitar con fondos europeos, será moi pronto un espazo gastronómico. Este proxecto é visto polas autoridades municipais como unha oportunidade de " darlle un pulo" ao centro histórico da cidade, de forma que sirva como un "revulsivo" para todo este ámbito urbano

Miguel Lago, Miguel Anxo Fernández Lores e Anabel Gulías PontevedraViva

A primeira planta do mercado de abastos, que o Concello está a rehabilitar con fondos europeos, será moi pronto un espazo gastronómico. Este proxecto é visto polas autoridades municipais como unha oportunidade de " darlle un pulo" ao centro histórico da cidade, de forma que sirva como un "revulsivo" para todo este ámbito urbano.

Así o destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras a firma do convenio co Centro Comercial Zona Monumental de Pontevedra que, valorado en 22.600 euros, permitirá financiar actividades de dinamización comercial.

Fernández Lores destacou que o centro histórico de Pontevedra é o "único" de Galicia con rede de banda ancha ou servizo de gas cidade en toda a súa extensión, froito dunha modernización "sistemática" que reforza o seu atractivo para residir nel ou impulsar calquera iniciativa emprendedora.

O novo mercado, sinalou o alcalde, contribuirá a esta dinamización, xa que lembrou que estará deseñado para que sexa un "foco de atracción" durante todo o día.

O presidente dos comerciantes do centro histórico, Miguel Lago, explicou que o convenio asinado co Concello permitirá sufragar numerosas actividades como as festas relacionadas coa volta ou o final das clases, a recepción dos Reis Magos ou os programas de rebaixas e promocións comerciais.

Ademais, financiarase a iluminación do Nadal, a feira de artesanía Ponte Nadal, a decoración de locais ou a repartición de lotería e manteis coa imaxe do centro histórico.