A Xunta de Galicia adxudicou as obras de construción de 48 vivendas de promoción pública no barrio de Valdecorvos.
O Consello de Administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) autorizou este venres a contratación dos traballos, que serán executados pola empresa Constructora San José por un importe de 9,01 millóns de euros.
A promoción levantarase na parcela P-17, de titularidade autonómica, e contempla a creación dun edificio residencial acompañado de 56 prazas de garaxe, 48 rochos e cinco locais comerciais situados na planta baixa.
O proxecto, redactado polos arquitectos Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Juan Alonso Núñez, supuxo un investimento de algo máis de 210.000 euros entre a elaboración dos documentos técnicos e a dirección das obras.
O inmoble terá planta baixa, seis alturas e un espazo baixo cuberta, distribuído en dous núcleos de escaleiras. Os locais comerciais e os accesos ás vivendas concentraranse na planta baixa, mentres que o garaxe ocupará un soto que se estenderá por toda a parcela. Os rochos situaranse na zona baixo cuberta.
En canto ás vivendas, a promoción inclúe seis pisos de dous dormitorios dos que dous deles estarán adaptados para persoas con mobilidade reducida, 36 de tres dormitorios e outros seis de catro habitacións. As superficies medias oscilarán entre os 70 metros cadrados das vivendas máis pequenas e os 90 metros cadrados das de maior tamaño.
Con esta actuación, a Xunta eleva a 306 o número de vivendas de promoción pública que ten actualmente en marcha en Pontevedra en distintas fases de desenvolvemento. Delas, 181 construiranse en terreos propios da Administración autonómica e as 125 restantes en parcelas cedidas polo Concello.
Paralelamente, o Goberno galego continúa avanzando no proxecto de interese autonómico de San Amaro, onde prevé impulsar a construción de 2.010 vivendas, das que arredor do 80 % serán protexidas.