Este xoves, os hospitais Provincial e de Montecelo en Pontevedra foron escenario dunha nova concentración de técnicos superiores sanitarios (TSS), que reclaman un recoñecemento profesional acorde á súa formación e unha homologación cos estándar europeos.
A protesta, organizada polas asociacións representativas dos TSS, enmárcase dentro das concentracións iniciadas hai unha semana con motivo das negociacións do novo Estatuto Marco do Persoal Sanitario, actualmente en discusión no Ministerio de Sanidade.
José Manuel Valcárcel, portavoz dos técnicos sanitarios en Pontevedra, explicou que o obxectivo da mobilización é visibilizar as problemáticas crónicas que afectan a este colectivo no momento en que se está a negociar o estatuto.
"O Estatuto Marco vén a ser como unha especie de convenio laboral do personal sanitario, por tanto, se trata pois moitas cuestións, as retributivas tamén", afirmou Valcárcel pero sinala que o máis importante nas reivindicacións é a "consideración do carácter de profesión sanitaria titulada e regulada".
Os TSS en Galicia suman arredor de 1.800 profesionais e uns 350 pertencen á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Levan anos reclamando un recoñecemento pleno como profesionais sanitarios titulados e regulados. Trátase, ademais, dun sector moi feminizado.
Un dos principais problemas que afrontan é a falta dun perfil profesional diferenciado respecto doutros roles sanitarios, como enfermaría ou auxiliares de clínica. Explican que son un persoal de soporte ao tratamento e ao diagnóstico, pero sitúase nunha posición de desenvolvemento profesional "moito menor que no resto de Europa", denuncian.
Ademais, os TSS españois son os únicos na Unión Europea cun nivel de cualificación inferior, o que limita a súa mobilidade e recoñecemento académico e profesional. "En España, estas profesións son as únicas de toda a Unión Europea que teñen un nivel de cualificación inferior", explicou Valcárcel.
Mentres na maioría dos países europeos os títulos de técnicos sanitarios teñen unha carga académica de 180 a 240 ECTS (créditos universitarios), en España estes están segregados en dous títulos de Formación Profesional con só 120 ECTS cada un. Esta segregación provoca unha "desvalorización académica e profesional" do colectivo, segundo denuncian.
