Costas concede a Pontevedra a 'custodia' da ampliación da Xunqueira de Alba

Pontevedra
07 de novembro 2025

O mantemento de todo este espazo, que deberá manter sempre un uso público e gratuíto, corresponderá a partir de agora ao consistorio pontevedrés, que xa proxecta varias actuacións

Fin da obra de restauración ambiental da Xunqueira de Alba Mónica Patxot

Os máis de 17.000 metros cadrados que a Xunqueira de Alba incorporou ao seu ámbito de protección, tras a derriba da antiga imprenta provincial e do parque de maquinaria, xa poderán ser xestionados directamente polo Concello de Pontevedra.

Costas autorizou a concesión á administración municipal de todos estes terreos.

O executivo pontevedrés, segundo confirmou este xoves o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, aceptou esta cesión por quince anos, prorrogables outro quince.

O mantemento de todo este espazo, que deberá manter sempre un uso público e gratuíto, corresponderá a partir de agora ao consistorio pontevedrés.

Fernández Lores destacou que esta cesión permitirá ao Concello actuar sobre esa zona.

"Ata o de agora non tiñamos ningún título habilitante para actuar alí", explicou, despois de que a Deputación de Pontevedra executase os traballos para renaturalizar todo ese espazo.

En todo este ámbito, segundo o alcalde, só queda pendente unha obra daquel proceso, a conexión dunha fonte á traída municipal "que quedaron de facer nos próximos días".

FONTES ORNAMENTAIS

Na Xunta de Goberno deste xoves, tamén se acordou contratar o servizo de control, mantemento e xestión das dezaseis fontes ornamentais que hai no ámbito urbano da cidade de Pontevedra.

Para sufragar este servizo, que se contratará por catro anos, o Concello destinará algo máis de 341.000 euros.