Crean unha soa praza de oficial de Policía Nacional para a Comisaría de Pontevedra

Pontevedra
29 de febreiro 2016

A Unión Federal de Policía reclama vinte efectivos máis para a capital. A Dirección Xeral de Policía creará unha praza de subinspector e incrementará con outro axente a comisaría de Marín. En Vilagarcía, pola contra, non se contempla o aumento de efectivos

Axentes da Policía Nacional en labores de vixilancia PontevedraViva

Pontevedra só contará cunha nova praza de oficial de Policía Nacional dentro da oferta pública de emprego que realiza a Dirección Xeral da Policía. En Marín está prevista a creación dunha praza de subinspector e dun axente mentres que Vilagarcía queda sen aumento de efectivos.

Estas cifras provocaron a indignación por parte da Unión Federal de Policía (UFP). Este sindicato considera que esta proposta "daría risa, se non fose indignante".

Entenden que para a Dirección Xeral a maior preocupación atópase en cuestións estéticas como gorros ou divisas novas mentres os efectivos policiais necesarios para que os servizos policiais ofrezan seguridade necesaria aos cidadáns quedan nun segundo plano. Por iso, a UFP cre que a Dirección Xeral da Policía converteuse nunha casa de deseño e moda estilo "señorita Pepis".

Os representantes sindicais volven incidir na falta de chalecos e na escaseza de persoal na rúa. Por iso reclaman polo menos 20 efectivos máis en Pontevedra e outros tantos para Vilagarcía. Engaden que en Marín tamén se precisan máis efectivos que os dous que se van a crear.

Por este motivo, esixen ao comisario provincial, ao xefe superior e ao subdelegado do Goberno que trasladen a situación de "abandono intolerable" ante as autoridades do Ministerio de Interior en Madrid.