A Concellería de Benestar Social, que dirixe Marcos Rey, porá en marcha o programa "Manciñas 20Vente-20Vente" en colaboración coa organización de persoas xordas Xoga.
O proxecto ten o obxectivo de sensibilizar á comunidade educativa de 3º e 4º curso de Primaria dos centros educativos do concello en torno ao coñecemento da lingua de signos e a comunicación coa poboación xorda, con perda auditiva e xordocega.
Marcos Rey presentou este programa en rolda de prensa acompañado do tenente de alcalde e edil de Educación, Tino Fernández, a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, e o cantante Nelson Quinteiro.
Esta proposta inclúe a difusión dun vídeo con letra e música do tema "Nun Bou" e completarase cunha unidade didáctica con indicacións para implementarse nos colexios, camisetas da iniciativa e un signobulario que amosa cada unha das palabras e expresións empregadas no vídeo, así como algunhas nocións sobre saúdos e sobre como comunicarse de forma básica mediante lingua de signos.