A Unión Federal de Policías (UFP) critica a Dirección Xeral da Policía por facer "oídos xordos" á constante petición de máis axentes para moitos dos equipos das comisarías de Galicia, "cada vez máis escasas e envellecidas", denuncian.
A crítica esténdese ao Ministerio do Interior e sinala tamén ao "desinterese" do Xefe Superior, de quen din que está "máis preocupado en tapar 'cosméticamente' esta falta de policías". Nun comunicado relacionan esa actitude por parte do Xefe Superior con que lle falte "pouco máis dun ano para a xubilación", o que a xuízo deste sindicato "lle faga ter unha visión a moi curto prazo deste grave problema e non defenda a situación como debería facerse".
Entre as "carencias" que denuncia a UFP encóntranse Pontevedra, Vilagarcía e Marín.
No caso de Vilagarcía de Arousa a decisión de non asignar unha soa praza é cualificada de "tomadura de pelo", polo que solicitaron "polo menos 10 prazas máis, para que se poida garantir a seguridade cidadá e a seguridade nas intervencións dos policías".
En canto a Marín neste equipo non se repón ningunha praza, a pesar de que, segundo insiste a UFP, ten un porto de grande importancia e a proximidade de Pontevedra que leva a un intenso tráfico de persoas e bens, de modo que solicitaron sen éxito polo menos 5 prazas.
Na capital de provincia dende a UFP solicitaban "polo menos cinco prazas" xa que a Comisaría viu minguado o seu número de axentes nos últimos tempos, "sumando o envío de efectivos á seguridade dos xulgados pola xubilación dos que alí estaban destinados afondando no detrimento de efectivos para a Comisaría".