A serie "A cociña gourmet en conserva" ofrécenos unha proposta culinaria ideal como aperitivo ou entrante, na que imos aproveitar todos os beneficios que nos ofrecen os berberechos de Conservas Pescamar.
Os berberechos son moluscos altamente nutritivos, grazas ao seu contido en ferro e en proteínas de calidade. Ademais, teñen unha baixa porcentaxe de graxas.
Para preparar uns deliciosos Crocantes de lagostinos e berberechos Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes (5 unidades):
- 1 lata de berberechos ao natural Pescamar
- 5 lagostinos crus grandes
- 1 cebola pequena
- 1 cullerada de aceite de oliva virxe extra
- 25 g de manteiga
- 1 cullerada enchida de fariña de trigo
- 100 ml de leite enteiro
- Sal e pementa ao gusto
- Noz moscada
- 1 ovo
- Pan relado
- Fariña para rebozar
- Aceite de oliva suave para fritir
- Leituga e cenoria en xuliana
Preparación:
Escorremos e picamos os berberechos ao natural Pescamar. Reservamos o líquido da conserva.
Pelamos os lagostinos, deixando a cola, e retiramos a vea dorsal cun coitelo pequeno. Lavamos ben e secamos con papel de cociña. Reservamos.
Nunha tixola, quentamos o aceite de oliva virxe extra xunto coa manteiga e refogamos a cebola (previamente picada) a lume baixo ata que estea transparente. Engadimos a fariña e revolvemos ata que se integren os ingredientes.
Cociñamos un minuto e vertemos o leite aos poucos, sen deixar de remover. Botamos un pouco do líquido reservado da lata de berberechos para potenciar o sabor (sobre 1 cullerada), salpementamos ao gusto e agregamos un chisco de noz moscada.
Incorporamos os berberechos ao natural Pescamar. Mesturamos ben ata obter unha masa densa e homoxénea, similar á das croquetas. Deixamos arrefriar na neveira, polo menos 30 minutos.
Tomamos porcións da masa e moldeámolas ao redor de cada lagostino, deixando a cola fóra.
Pasamos cada unidade por fariña, ovo batido e pan relado, asegurándonos de que queden ben cubertas.
Nunha tixola con abundante aceite quente fritimos cada unidade ata que estean douradas e crocantes por fóra. Retiramos e deixamos escorrer sobre papel absorbente.
Servimos os crocantes de lagostino e berberechos Pescamar en vasiños individuais, acompañados con follas de leituga e cenoria cortadas en xuliana.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.