Cruz Vermella en Pontevedra acolle a segunda sesión das conferencias 'Cafés con cooperantes'

Pontevedra
21 de decembro 2023

Raquel Bernedo, enxeñeira en Telecomunicacións e integrante de equpos de unidades de resposta a emerxencias, mantivo un encontro na sede pontevedresa para compartir as súas experiencias en misións en Nepal, Grecia, Bangladesh e Hungría

'Cafés con cooperantes' na sede da Cruz Vermella en Pontevedra Cruz Vermella Pontevedra

Coa intención de achegar as actividades de cooperación internacional á poboación de Galicia, Cruz Vermella desenvolve unha nova edición dos 'Cafés con cooperantes', un ciclo de encontros con persoas delegadas e voluntarias da organización humanitaria para que coñezan as accións que se realizan en países en conflito ou en vías de desenvolvemento.

A sede de Cruz Vermella en Pontevedra acollía a segunda sesión deste ciclo coa participación de Raquel Bernedo, enxeñeira de Telecomunicacións e técnica da Unidade de emerxencias de Cruz Vermella Española.

Á charla con café de comercio local asistían máis de 30 persoas e Raquel Bernedo ofreceulles información sobre as misións nas que participou como en Nepal en 2015 para atender a persoas afectadas polo terremoto; a Crise Migratoria Europea en Grecia nos anos 2015 e 2016; o desprazamento de persoas en Bangladesh en 2017 ou a crise ucraína en Hungría do ano 2022.

Nesta iniciativa trasládanse detalles dos proxectos que se realizan en distintos países e intercámbianse coñecementos ao redor destes labores de cooperación.