Cubela lembra aos socialistas que o proxecto de residencia de Carballedo inclúe un centro de día

Cerdedo Cotobade
28 de xaneiro 2021

O PSOE presentara no último pleno unha moción solicitando a creación dun centro de día nesta parroquia de Cotobade, que os populares rexeitaron porque "chega tarde, mal e cando xa está todo en marcha".

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, visita os terreos onde está prevista a construción da Residencia da Terceira Idade
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, visita os terreos onde está prevista a construción da Residencia da Terceira Idade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, xustificou o voto en contra do grupo do PP á moción presentada polo PSOE pedindo a creación dun centro de día en Carballedo porque "chega tarde, mal e cando xa está todo en marcha".

O rexedor mostrouse "perplexo" ante a petición da oposición porque considera que "xa saben que está en marcha un proxecto millonario, histórico para Carballedo e no que se contempla desde a súa fase inicial a inclusión dun centro de día".

Puntualiza que o centro de día é un dos elementos determinantes do proxecto que conformará a residencia de maiores de Carballedo. Neste sentido,  Cubela bótalles en cara que, no momento da fusión de ambos os concellos, "o PSOE daba por feito a renuncia de Cotobade á súa propia residencia de maiores".

"Agora vén que tamén neso mentiron de xeito descarado. A xente dase conta de que todo o que dixeron era mentira e ve como despois de moi pouco  tempo transcorrido estanse conseguindo obras millonarias, históricas e que moitos nin soñaban en poñer en marcha", recrimina o rexedor.