Cerdedo-Cotobade xa ten os terreos para construír a residencia de maiores de Carballedo

Cerdedo Cotobade
22 de xuño 2021

O Concello pecha o procedemento de expropiación de cinco parcelas rústicas situadas na contorna do centro de saúde e do consistorio, así como o estudo de viabilidade económica do proxecto

Terreos da futura residencia da terceira idade de Carballedo (arquivo)
Terreos da futura residencia da terceira idade de Carballedo (arquivo) / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade dá por finalizado o expediente para a expropiación forzosa de 10.688 metros cadrados de chan rústico para a construción da residencia da terceira idade de Carballedo, así como o estudo de viabilidade económica deste proxecto que contempla un investimento de 3 millóns de euros, dos que o Concello achegará, con fondos propios, 750.000 euros.

Esta instalación supoñerá a creación dunha vintena de postos de traballo e a atención de 59 persoas na residencia, ademais de entre 16 e 26 prazas no centro de día.

O expediente de ocupación recolle a afección de cinco parcelas de chan rústivo bicadas nas inmediacións da Casa do Concello, o centro de saúde e o aparcamento público de Carballedo. Os terreos, que superan lixeiramente a hectárea de superficie, pertencen xa a un proxecto de interese público xeral como é a construción dunha residencia xeriátrica.

O alcalde, Jorge Cubela, móstrase moi satisfeito polos avances que está a dar o proxecto e por dar resposta a "unha demanda social moi importante" como é a construción dunha segunda residencia para maiores pública no Concello, que xa conta cunha recentemente ampliada en Cerdedo.

A partir do momento no que se adxudique o contrato, o prazo de execución das obras será de 14 meses. Na súa primeira fase, a residencia contará con capacidade para 59 residentes, aínda que será susceptible de duplicarse. Tamén se prevé a creación dun centro de día do que se poderán beneficiar entre 16 e 26 usuarios.

"Estamos a avanzar polo bo camiño para sacar adiante un proxecto moi ambicioso e que nos permitirá ampliar dunha maneira ampla nosa capacidade de atención aos nosos maiores que precisan dunhas instalacións e duns coidados que se lle van a garantir coa nova Residencia da Terceira Idade de Carballedo. Ademais, esta iniciativa permitirá afianzar poboación e fomentar o emprego estable e de calidade dunha maneira directa e tamén indirecto no noso municipio. A nosa intención é superar calquera escollo que se poida producir para que entre en funcionamento antes de finalizar o presente mandato. É un reto importante, pero estamos seguros de poder alcanzalo ou polo menos faremos todo o posible para que non sufra ningún atraso”, indicou Cubela.