Cuntis apoia os escolares durante o confinamento e imprime a domicilio deberes, apuntes e traballos escolares

Umia
31 de marzo 2020

Todas as persoas que precisen facer uso do servizo deben enviar a documentación para imprimir ao correo cultura@concellodecuntis.es ou por WhatsApp no número 687 49 75 91. As solicitudes recibiranse preferiblemente polas mañás para realizar as entregas polas tardes 

Casa Consistorial de Cuntis Concello de Cuntis

Dentro das medidas para facer máis levadío o confinamento para os escolares, o Concello de Cuntis acaba de poñer en marcha un novo servizo totalmente gratuíto de impresión e entrega a domicilio de deberes, tarefas, apuntes e calquera tipo de traballo escolar.

A iniciativa estará vixente durante a vixencia do estado de alarma provocado polo Covid-19 e ten como finalidade dar cobertura a todos os estudantes e familias que non dispoñen nos seus domicilios de sistemas de impresión e precisan extraer copias para poder desenvolver a actividade educativa dende os fogares.

Todas as persoas que precisen facer uso do servizo deben enviar a documentación para imprimir ao correo cultura@concellodecuntis.es ou por WhatsApp no número 687 49 75 91.

As solicitudes recibiranse preferiblemente polas mañás para realizar as entregas polas tardes. A través desa mesma comunicación debe facilitarse o nome e a dirección do escolar.

O alcalde, Manuel Campos, explicou que esta iniciativa ponse en marcha en coordinación coa dirección do colexio de Cuntis e despois de comunicarse á asociación de nais e pais de alumnos, coa finalidade de que dende o propio centro educativo poidan informar directamente do alumnado que precisa deste servizo e enviar o material para axilizar así a entrega da documentación a  domicilio.