Cuntis aproba os festivos locais de 2027 e a Conta Xeral de 2025

Umia
24 de xullo 2026

Desde o goberno local destacan que a aprobación da Conta Xeral permite cumprir cos requisitos legais, ao tempo que subliñan o resultado económico positivo do exercicio 2025

Casa do Concello de Cuntis Concello de Cuntis

O Pleno ordinario do Concello de Cuntis deu luz verde aos festivos locais para o ano 2027, que quedarán establecidos no 24 de xuño, día de San Xoán, e no 17 de agosto, xornada na que se celebran as festas patronais da vila e que coincide coa festividade do Carmen.

Na mesma sesión plenaria aprobouse de maneira definitiva a Conta Xeral correspondente ao exercicio de 2025, un trámite que saíu adiante cos votos favorables do grupo de goberno.

O expediente será agora remitido aos organismos correspondentes dentro dos prazos establecidos pola normativa, antes do 15 de outubro.

Segundo informou o Concello, durante o período de exposición pública non se presentaron alegacións á documentación económica.

O informe da Intervención municipal sinala que a Conta Xeral incorpora a documentación esixida e está integrada unicamente pola conta da propia entidade local.

Ademais, os datos económicos do exercicio reflicten un resultado orzamentario axustado positivo de 418.272,82 euros, o que implica que os ingresos recoñecidos durante 2025 superaron os gastos asumidos polo Concello.

O documento tamén recolle un remanente de tesouraría para gastos xerais de 252.558,70 euros.

Esta cifra, segundo a análise da Intervención, indica unha situación positiva da administración municipal para facer fronte ás obrigas a curto prazo.

Desde o goberno local destacan que a aprobación da Conta Xeral permite cumprir cos requisitos legais e cos prazos de rendición establecidos, ao tempo que subliñan o resultado económico positivo do exercicio 2025.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora