Cuntis asegura que cumprir as medidas para reabrir os parques é "inviable cos actuais medios e recursos"

Umia
14 de xuño 2020

O goberno municipal da vila termal mostrou o seu "absoluto desacordo" coas medidas de prevención recollidas este sábado polo DOG xa que as "administracións locais de pequeno tamaño como Cuntis non terán capacidade para facelas cumprir"

Parque infantil en Cuntis
Parque infantil en Cuntis / Concello de Cuntis

O goberno municipal de Cuntis mostrou este domingo o seu "absoluto desacordo" con algunhas das disposicións recollidas este sábado no Diario Oficial de Galicia (DOG) como normativa á acollerse coa entrada na denominada nova normalidade.

Segundo a vila termal "as administracións locais de pequeno tamaño como Cuntis non terán capacidade para facelas cumprir ou directamente a súa posta en práctica é inviable cos actuais medios e recursos".

En concreto o goberno local presidido por Manuel Campos fai fincapé nas dúbidas que lle supón o control de aforo nos parques infantís ou de que maneira garantirase a hixiene e desinfección. "Poñeremos un capacho con auga e xabón?", preguntan con sorna.

Ao similar, aseguran, sucede coas instalacións deportivas.

Ademais Cuntis pon o foco nas ludotecas, ás que "non se lle fai ningunha referencia" deixando tanto o Concello como ás familias "nun escenario de total  incerteza ao non saber se se vai poder renovar a súa actividade de fronte as próximas semanas e o verán".