Cuntis e Caldas manteñen activo un servizo de apoio e asesoramento laboral ante a crise sanitaria

Umia
17 de abril 2020

Desde os Concellos animan a utilizar esta prestación totalmente gratuíta e atendida por un profesional do ámbito laboral tanto por escrito, a través do correo electrónico [email protected], ou chamando ao teléfono 986 532 579

Traballos na estrada N-640
Traballos na estrada N-640 / Concello de Cuntis

Os concellos de Cuntis e Caldas de Reis, a través dos servizos de emprego, lembran que permanece activo de maneira telemática e telefónica un servizo conxunto de asesoramento e orientación laboral.

Concretamente, durante estas semanas, está a centrarse en orientar e apoiar aos veciños e veciñas que poden estar afectados por ERTES e outras situacións relacionadas pola crise provocada polo coronavirus.

É moi grande a incerteza e confusión entre as persoas desempregadas que, entre outros casos, viron interrompida a súa formación por expedientes temporais de regulación de emprego ou entre as que tiveron que cesar temporalmente a súa actividade ou negocio. 

Por iso, desde os concellos animan a utilizar esta prestación totalmente gratuíta e atendida por un profesional do ámbito laboral tanto por escrito, a través do correo electrónico [email protected], ou chamando ao teléfono 986 532 579.

Pola súa banda, os dous alcaldes, Manuel Campos e Juan Manuel Rey, coinciden en destacar a importancia deste servizo que leva varios anos en funcionamento grazas a unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria que ascende a 25.000 euros.