Aposta pola cultura en Cuntis: o edificio de Telégrafos, nova sede da Fundación Terra Termarum

Umia
30 de decembro 2025

O Concello culmina a reforma do histórico inmoble cun investimento de 240.000 euros, mantendo o seu apoio á fundación, á que destinou máis de 700.000 euros nesta década

Interior do edificio que acollerá a nova sede da Fundación Terra Termarum Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis recibiu oficialmente a obra de reforma do antigo edificio de Telégrafos, que será a nova sede da Fundación Terra Termarum.

A entrega definitiva realizouse este martes 30 de decembro, culminando un proxecto de 240.000 euros financiado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

A intervención busca recuperar este emblemático espazo, situado xunto ao adro da igrexa parroquial, para uso público, dedicado á difusión do patrimonio arqueolóxico local.

A nova sede dispón de 270 metros cadrados. Na planta baixa habilitáronse un amplo espazo expositivo e un taller visible ao público, onde se poderán contemplar as pezas elaboradas a partir dos achados no xacemento de Castrolandín e seguir de preto o traballo de restauración.

O sótano queda destinado a almacén, e a primeira planta, de 80 metros cadrados, será a área administrativa da fundación.

A reforma respectou a altura orixinal do edificio e realizou modificacións laterais para mellorar a distribución interior.

Debido ao compromiso do goberno local coa Fundación Terra Termarum, en dez anos o Concello de Cuntis investiu máis de 700.000 euros no mantemento do Castro, no funcionamento da fundación e na posta en valor do potencial arqueolóxico da zona.

O alcalde Manuel Campos, acompañado polo concelleiro José Antonio González e o director da obra, David Álvarez, visitou as instalacións e subliñou o valor que aporta á vila contar con este recurso cultural e científico.

Manuel Campos, alcalde de Cuntis, durante á visita ao edificio da nova sede da Fundación Terra Termarum Concello de Cuntis