Cuntis esixe á veciñanza que limpen con urxencia as fincas en mal estado

Umia
29 de xullo 2020

Máis dun cento de notificacións enviou xa o Concello de Cuntis aos propietarios das parcelas que, tanto no ámbito rural como no urbano, están descoidadas e cheas de vexetación seca e ao lado de vivendas e estradas, o que constitúe un autentico perigo para a seguridade cidadá

Limpeza de parcelas municipais en Cuntis Concello de Cuntis

Máis dun cento de notificacións enviou xa o Concello de Cuntis aos propietarios das parcelas que, tanto no ámbito rural como no urbano, están descoidadas e cheas de vexetación seca e ao lado de vivendas e estradas, o que constitúe un autentico perigo para a seguridade cidadá.

A todos eles, o goberno municipal ínstalles a limpar as parcelas e acometer as franxas de protección "de maneira urxente" debido ao elevado risco de incendio que supón a proliferación de terreos descoidados nesta época do ano.

Dous técnicos municipais están dedicados a estas xestións, explica o alcalde, Manuel Campos, que advirte que estes expedientes levan consigo un ultimato no que se advirte que se non se actúa na limpeza da franxa de protección se procederá á interposición de sancións.

O alcalde lembrou que Cuntis, segundo a Consellería de Medio Rural, está entre as zonas con risco alto ou extremo de incendio, "polo que temos que tomar as máximas precaucións e tomar conciencia para previr na medida do posible a lacra dos lumes".

Pola súa banda, o propio Concello está desenvolvendo ao longo das últimas semanas un importante labor no ámbito da prevención de incendios mediante a execución de traballos de limpeza tanto cos tractores como coas brigadas antiincendios.

Trátase de accións de prevención mediante rozas e eliminación de maleza en camiños municipais, en parcelas de propiedade do Concello, así como naqueles espazos de uso público máis concorridos como áreas recreativas ou espazos turísticos como o Castro de Castrolandín.