Cuntis leva ao Valedor do Pobo e ao Defensor del Pueblo a situación do centro de saúde

Umia
13 de decembro 2019

Os tres partidos da corporación municipal decidiron enviar esta queixa pola falta de resposta á petición de reunión co mandatario para analizar os problemas de funcionamento do centro de saúde

Concentración ante o Centro de Saúde de Cuntis Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis enviou unha queixa ao Valedor do Pobo e ao Defensor do Pobo pola falta de resposta do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, á petición da corporación de manter unha reunión para analizar os problemas de funcionamento do centro de saúde da vila termal.

En concreto, denuncia a falta de substitucións dos profesionais que prestan servizo neste centro.

Os portavoces dos tres grupos políticos que compoñen a corporación municipal reuníronse esta semana para realizar un seguimento da situación que atravesa o complexo asistencial e acordaron enviar unha queixa a estas institucións despois de non obter resposta por parte da Xunta ás peticións de reunirse co conselleiro.