Cuntis pide fondos á Deputación para mellorar o polígono da Ran e crear un viveiro de empresas

Umia
08 de setembro 2017

Todos os grupos da corporación municipal presentes na Comisión de Contas aprovaron solicitar axuda á administración provincial para acometer senllos proxectos, que teñen un custo lixeiramente inferior ao millón de euros

Polígono industrial da Ran, en Cuntis Concello de Cuntis

Todos os grupos da corporación municipal de Cuntis presentes na Comisión de Contas aprobaron solicitar axuda á Deputación provincial para acometer a mellora do polígono industrial da Ran e a creación dun viveiro de empresas.

Ambas as actuacións están valoradas en 998.877,03 euros, polo que se acordou pedir a súa inclusión no plan de investimentos provincial para municipios de menos de 20.000 habitantes.

A intención de Cuntis é que a Deputación financie ata 799.101,62 euros, completando o resto do investimento con fondos propios do Concello (199.775,41 euros).

Despois de que o grupo de goberno presentase este proxecto á Comisión de Contas, agora debe ser aprobado definitivamente no próximo pleno do xoves 14 de setembro.

A obra prevista no polígono industrial da Ran consiste en mellorar os servizos existentes pavimentando o viario principal e os seus entroncamentos con ramais secundarios, pavimentando á súa vez as beirarrúas e reparando os servizos deteriorados parcialmente como a iluminación pública, coa esperanza de aumentar as posibilidades de establecemento de novas empresas.

A outra actuación prevista sería a creación dun viveiro de empresas no antigo edificio da escola de Meira, que actualmente se atopa sen uso.

O proxecto pasa por adecuar as instalacións e que alí se poidan realizar actividades como a xestión administrativa, atención ao público, labores de formación ou diversas actividades empresariais.