Cuntis planta batalla á avespa velutina

Umia
21 de novembro 2017

O servizo municipal de Protección Civil retirou ao longo do 2017 ata 315 niños desta especie invasora

Efectivos de Protección Civil de Cuntis retiran un niño de avespa velutina Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis traballa para ser "territorio libre de velutina". Así o asegura tras facer públicos os datos de retirada de niños desta avespa ao longo de 2017.

A través do servizo municipal de Protección Civil, que colabora tamén co veciño municipio de Portas, logrouse retirar a importante cifra de 315 niños.

Asegura o goberno local que se decidiu a asumir os labores de loita contra esta especie invasora, custeando os produtos necesarios, despois de que o servizo de atención ás emerxencias da Xunta de Galicia "se demostrase ineficaz, pasando meses despois do aviso sen que se retirasen os niños existentes", denuncia nun comunicado.

En todo caso os efectivos de Protección Civil rexistraron o lugar e data de cada unha das súas actuacións comunicando cada un dos operativos ao 112.

Os datos facilitados por Cuntis sinalan ademais que 11 niños de avespa velutina non se puideron retirar por estar situados en altura e noutros 9 casos está pendente de actuación.

Arquivado en