Cuntis reclama que a Xunta se faga cargo do arranxo da Rúa do Convento

Umia
24 de setembro 2021

O Concello de Cutis solicita á Xunta de Galicia a firma dun convenio para que a administración autonómica se comprometa formalmente a facerse cargo da maior parte da inversión necesaria para poder facer frente ao arranxo da carretera

Rúa do Convento
Rúa do Convento / Concello de Cuntis

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e os concelleiros Conchy Campos, Ana Loureiro e José Treviño reuníronse este xoves coa veciñanza da Rúa do Convento para tratar as demandas de mellora da estrada, que depende da Xunta de Galicia.

No ano 2017, o órgano autonómico "adquirira o compromiso de estudar e efectuar esta actuación sempre que o Concello asumira a renovación dos servizos, que xa está executada", explicaron dende o goberno local, á vez que recordaron que a titularidade das beirarrúas é autonómica, "polo tanto é a Xunta de Galicia a que ten o compromiso de arranxalas".

Por ese motivo, o Concello pide a firma dun convenio "ao igual que se ten feito noutras ocasións nas que a administración autonómica se comprometa formalmente a facerse cargo da maior parte do investimento necesario para poder facer fronte a este problema".

Ademais, Manuel Campos comprometeuse a que, "no caso de que non haxa resposta a finais de ano por parte da administración autonómica, o Concello de Cuntis redactará o proxecto de mellora da rúa".