Cuspedriños goza cunha nova edición da súa particular Rapa das Bestas

Cerdedo Cotobade
04 de agosto 2014

Centos de persoas, chegadas dende diferentes lugares da bisbarra, gozaron co espectáculo e contemplaron como se cumpría a tradición de cortarlles as crinas aos animais recén baixados do monte e marcalos como é debido

Rapa das Bestas de Cuspedriños (Cotobade)

O curro de Cuspedriños (Cotobade) encheuse de novo de cabalos e aloitadores no seu particular Rapa das Bestas. Centos de persoas, chegadas dende diferentes lugares da bisbarra, gozaron co espectáculo e contemplaron como se cumpría a tradición de cortarlles as crinas aos animais recén baixados do monte e marcalos como é debido.

A primeira rapa celebrouse na tarde do sábado, pero foi na xornada do domingo onde se superaron todas as expectativas. Nunca antes tanta xente se achegara ata o curro de Cuspedriños para asistir a este evento.

Alí montáronse e raparon os cabalos que, a mediodía, os denominados 'cabaleiros' acompañaron aos animais dende o peche de Viascón ao propio curro. Os cabalos foran recollidos no monte de Cotobade.

Ademais da propia rapa, a parroquia de Cuspedriños acolleu numerosas actividades paralelas como unha feira na que os asistentes podían encontrar produtos de alimentación ou artesanía; ou unha comida campestre que estivo amenizada polo grupo de gaitas Os Catro Ventos.