Da maleza ao cascallo e o abandono. Mollabao expón o seu día a día e reivindica unha reforma integral

Pontevedra
17 de marzo 2017

"A maleza crece por todas as esquinas, hai colectores con augas fecais e pluviais mesturadas, hai sacos de cascallo, hai lixo por todas partes". Esta é, para o veciño de Mollabao Juan Sáenz a descrición do estado actual do seu barrio. Para acabar coa situación, están a promover unha asociación de veciños que canalice as súas reivindicacións

Veciños de Mollabao protestan polo abandono do barrio Mónica Patxot

"A maleza crece por todas as esquinas, hai colectores con augas fecais e pluviais mesturadas, hai sacos de cascallo, hai lixo por todas partes". Esta é, para o veciño de Mollabao Juan Sáenz Diez a descrición do estado actual do seu barrio, do que denuncia que está a tan só 800 metros da Casa Consistorial e é entrada sur que recibe a moitas persoas que entran en Pontevedra e, con todo, "non pasan unha escoba máis que de Pascuas en Ramos, hai edificios en ruínas e, nas poucas zonas onde hai beirarrúa, hai maleza".

As queixas polo abandono do barrio son unha constante entre os veciños e leváronos a impulsar unha asociación que, baixo o lema 'Mollabao si' loite por conseguir unha reforma integral da zona. Aínda non está constituída oficialmente, de modo que Juan Sáez actúa de portavoz accidental nun percorrido polos puntos con maiores problemas no que explica que o único que pretenden é que desa "calidade urbana" que está a chegar ao resto de Pontevedra desde hai 20 anos "nos toque unha parte a nós".

Este percorrido pasa inevitablemente polas pistas deportivas situadas baixo a ponte da autoestrada, das que este veciño se queixa de que está chea de cacas de cans. A poucos metros, tras un valo, pasa un regacho do que explica, a modo gráfico, que do sucio que está, "hai dous anos caéuselle a pelota ao meu fillo e prohibinlle que a collese". E alén sitúase unha zona que si foi obxecto dunha limpeza recente na que retiraron unha vertedura de colchóns acumulados que levaban meses alí, pero á que fan falta outras actuacións como, por exemplo, cortar a herba e retirar as malas herbas.

Non moi lonxe, noutro punto do barrio, hai xa semanas que os veciños chamaron ás policías local e autonómica para denunciar unha vertedura contaminante de cascallos e "desde entón, estamos a esperar". Juan Sáenz pregúntase "se alguén deixa un saco de cascallo diante do concello, aguanta máis de media hora?". El mesmo sabe a resposta, "imposible".

A ruta por Mollabao continúa pola parcela que hai máis dunha década albergaba o depósito de vehículos do guindastre municipal, cando era concesionaria Grúas Carballo, e que agora se converteu nun aparcadoiro cun 'aparcacoches' que dirixe aos vehículos a diario e nun estado de abandono que cren que é necesario reverter. 

Outra zona de aparcadoiro, nesta caso municipal, centra a atención veciñal. É o espazo onde adoita instalarse o circo e presenta boas condicións de conservación, pero á beira acumúlanse os cascallos. Algúns restos de obra mesmo están valados e nesa parcela contigua está "todo salpicado de lixo por todas partes, por suposto" e restos dunha palmeira, baldosas, televisores... aquí hai de todo". 

Estas mesmas queixas xa llas trasladou á concelleira delegada do barrio, Carmen Fouces, pero aseguran que con escaso éxito e anuncian que "imos repartir estopa" tanto ao Concello como á Xunta de Galicia ata conseguir que para as próximas eleccións municipais de 2019 os teñan en conta nos seus proxectos e plans políticos pois "levamos 20 anos cun concello que non fixo nada polo barrio".

Os veciños reivindican o seu "dereito" a que as administracións "se paren a pensar que en Mollabao hai moitísimo que facer" e móstranse molestos coas explicacións municipais de que hai actuacións que non poden facer porque a zona está afectada pola autoestrada e depende de Audasa ou porque a Xunta non lles dá permiso para actuar noutro determinado punto ou está afectado por Ence. Ao seu xuízo, se hai lugares nos que non se pode obrar porque outras institucións non o autorizan, o que debería facer o Concello é "polo menos pasar unha máquina para cortar a herba".

Os veciños reclaman grandes obras, pero, mentres non chegan os investimentos nin as autorizacións, a súa petición é que se aumente a limpeza cando saen á rúa,  teñan beirarrúas e non teñan maleza, escampados con charcos ou sacos de cascallos por todas partes. "En fin, que queremos vivir en Pontevedra, non no terceiro mundo", conclúen.

*Juan Saénz falou orixinariamente en castelán