Da Silva acusa ao PP de organizar un "ataque coordinado" para "boicotear" a compostaxe

Pontevedra
04 de abril 2018

Para o goberno municipal, as protestas veciñais contra a instalación do sistema de compostaxe comunitaria en Eduardo Pondal e Ponte Boleira teñen un organizador: o Partido Popular. Así o manifestou este mércores a tenente de alcalde, Carme da Silva

Traballos nos composteiros do Plan Revitaliza
Traballos nos composteiros do Plan Revitaliza / Mónica Patxot

Para o goberno municipal, as protestas veciñais contra a instalación do sistema de compostaxe comunitaria en Eduardo Pondal e Ponte Boleira teñen un organizador: o Partido Popular. Así o manifestou este mércores a tenente de alcalde, Carme da Silva.

Os populares, segundo Da Silva, "levan tempo" opoñéndose a "calquera cousa" que teña que ver con este sistema de xestión dos residuos orgánicos e a través do seu portavoz, Jacobo Moreira, "fixeron un chamamento público" contra a compostaxe comunitaria.

A edil do BNG entende que o PP puxo en marcha un "ataque coordinado" para "boicotear" o plan municipal de compostaxe. "Hai tempo que o PP iniciou esta estratexia radical e están a actuar perfectamente coordinados", denunciou.

Nesta estratexia incluíu a presenza nas protestas de Eduardo Pondal de veciños "que non eran do barrio" ou a cobertura mediática que proporcionou a TVG. Todos eles, dixo Carme da Silva, "seguindo as instrucións do PP".

O PP, engadiu a tenente de alcalde, é "o máis rancio que temos en Pontevedra". Aos seus membros veos "radicalizados e tirados ao monte", polo que Da Silva espera que apareza dentro dese partido alguén con "sensatez suficiente" para que lles obrigue a rectificar.

Da Silva ve como "feito obxectivo" que a sociedade de Pontevedra " maioritariamente" aposta pola compostaxe, como demostra que os módulos actuais presenten " sobreaportacións" de residuos orgánicos e cada vez máis cidadáns comprométanse a participar neste sistema, o que obriga a ampliar o número de composteiros.

OS SOCIALISTAS PIDEN AO CONCELLO "MENOS PROVOCACIÓNS"

Para os socialistas, con todo, o que sucedeu en Eduardo Pondal "non é propio dun goberno progresista" e entenden que o único que consegue o Concello é "quentar aínda máis os ánimos".

"Instalar un segundo composteiro e anunciar un terceiro cando hai unha clara división veciñal é unha clara provocación", sinala o portavoz do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, que pediu a paralización "inmediata" das obras e a apertura dun diálogo "razoable" cos veciños de Eduardo Pondal, Ponte Boleira e Camiño de Ferro.

Os socialistas insisten en que a compostaxe é "unha boa idea mal xestionada e peor executada" e cren que o de hoxe é un "paso máis" na "escalada de prepotencia e soberbia" do goberno municipal e dun alcalde, que segundo Fernández, "perdeu o contacto coa rúa e está a adoptar actitudes inaceptables".