Levaba tempo Mercedes Milá anunciándoo. En Gran Hermano, este ano concúrsase en compañía. Pero poucos podían imaxinar que habería unha cabra na casa. E menos, que a súa 'parella' no programa ía ser Hugo, un mozo de Bueu de tan só 18 anos. El e a súa peculiar acompañante, que responde ao nome de Rubia, convertéronse dende o primeiro minuto no fenómeno social da décimo quinta edición do popular reality de Telecinco.
A Rubia vímola case dende o principio do programa, pero non coñecimos o seu dono ata varias horas despois. Hugo decidiu aceptar o reto que lle formulaba o concurso e presentarse ao programa coa cabra, o animal co que, di, vai a todas as partes.
Segundo destaca a web do programa, este estudante confesa ser bruto, canalla e moi vago, ademais de "moi golfo". O seu obxectivo, asegura, é gañar o diñeiro para saír da situación na que se encontra a súa familia.
Considérase unha persoa divertida e destaca que os seus amigos rin sempre que están con el. Ten moza, levan xuntos sete meses, aínda que mantén que todas as súas relacións son sempre "curtas e divertidas". Gústalle saír cos seus amigos, gozar da natureza e vivir novas aventuras.
Hugo tratará de convivir durante máis de tres meses na casa de Gran Hermano, situada na localidade madrileña de Guadalix de la Sierra. E todo por un suculento premio, 300.000 euros en xogo para o último dos 16 concursantes que saia pola porta do popular concurso. Para el, Rubia é a súa "parella perfecta" para lograr o suculento maletín.
Pouco tempo despois de saír en pantalla, as redes sociais revolucionáronse con Hugo e a súa cabra. Bueu chegou a ser trending topic en Twitter e o hashtag #TodosSomosHugo, foi unha das tendencias da noite nesta coñecida rede social.