Declaran de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde

Cerdedo Cotobade
04 de novembro 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres o decreto, polo que se establece que este polígono agroforestal constará de 67,88 hectáreas, unhas 1.534 parcelas e 278 propietarios. O polígono avogará polos cultivos leñosos e sistemas agroforestais

Vista de Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade

A Consellería do Medio Rural acaba de declarar de utilidade pública e de interese social seis polígonos agroforestais en Galicia, entre eles o de Vilalén-Tomonde (Cerdedo-Cotobade).

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres o decreto, polo que se establece que este polígono agroforestal constará de 67,88 hectáreas, unhas 1.534 parcelas e 278 propietarios.

O polígono avogará polos cultivos leñosos e sistemas agroforestais.

O pasado 8 de xullo saíra publicado no DOG o acordo polo que se iniciaba o procedemento de aprobación para o desenvolvemento deste polígono agroforestal, que motivou a elaboración do estudo de viabilidade. Unha vez feito e aprobado este estudo, foi declarada a utilidade pública e interese social por parte do Consello da Xunta e, unha vez publicada esta declaración, iniciarase a redacción do proxecto básico do polígono.

Seguidamente, iniciarase a investigación da titularidade das fincas e os traballos de reestruturación da propiedade, de seren necesarios.

Neste caso, ao tratarse dun polígono de iniciativa pública, o procedemento será sometido a un proceso de concorrencia competitiva. Ademais, cómpre ter en conta que a declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia dos procedementos.

Desta forma, poderase avanzar no obxectivo prioritario de poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal.