Delegados sindicais reclaman o dereito a manifestarse

Pontevedra
08 de febreiro 2016

Representantes de CC.OO. e de UGT levaron a cabo unha manifestación dende o edificio sindical ata a Subdelegación do Goberno reclamando unha reforma do Código Penal e a derogación da Lei "Mordaza"

Manifestación en defensa do dereito de folga PontevedraViva

Ao redor de sesenta delegados sindicais das centrais UXT e Comisións Obreiras percorreron este luns 8 o centro de Pontevedra, desde o edificio sindical ata a Subdelegación do Goberno, baixo o lema "A folga non é delito" para reclamar o dereito dos cidadáns para manifestarse sen o temor a verse sancionados.

Segundo explicou o secretario comarcal de UXT, Ramón Vidal, reclaman a modificación do Código Penal e da Lei "Mordaza" ao entender que están a limitar os dereitos dos traballadores ao contemplar sancións que poden terminar con penas de cárcere, como sucedeu no caso das traballadoras Ana Outerelo e Tamara Vidal, ou con multas económicas que ascenden a 600.000 euros.

A marcha, segundo explicou José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO. realízase tamén como protesta á situación que sofren oito sindicalistas de Airbus en Xetafe, condenados a 66 anos de cárcere.

A este grupo de representantes sindicais coñecido como "os 8 de Airbus", impútanselles delitos contra os traballadores e contra a autoridade, ademais dun delito de lesións a un axente, durante a folga do 29 de setembro de 2010.