Veciños do lugar do Rañadoiro, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, observan con preocupación a presenza dun niño de avespa velutina de grandes dimensións que leva meses na cima dunha árbore a moi pouca distancia das casas.
Segundo relataron a PontevedraViva, descubriron que estaba sobre un eucalipto na zona do campo da festa do Rañadoiro hai xa tres meses e naquel momento alertaron aos servizos de emerxencias, pero desde entón ninguén actuou para retiralo.
O niño é de grandes dimensións, o maior de cantos teñen constancia que se detectaron ata o momento nas inmediacións, de aí a súa preocupación. Ademais, atópase nunha zona moi transitada por veciños de todas as idades, nenos incluídos, e a poucos metros das casas.
Ata o momento, este niño da coñecida especie invasora non causou ningún incidente, pero temen que chegue a provocalo e piden que se actúe para a súa retirada. Lembran, ademais, que esta avespa adoita ocasionar importantes danos ás abellas.